Información xeral

Os espazos:

A xornada do venres que da apertura ao congreso terá lugar no salón de actos do CUR (Centro Universitario Riazor), mentres que as actividades do sábado e o domingo terán lugar no I.E.S. Rosalía Mera. O sábado rematamos a xornada cunha obra de teatro que terá lugar ás 20h30 no Teatro Ágora. A continuación damos información sobre os espazos e como chegar.

Centro Universitario Riazor, rúa Almirante Lángara, sen número. A Coruña

I.E.S. Rosalía Mera, Rúa Míster Archer Milton Huntington, 24, A Coruña

Céntro Sociocultural Ágora, Rúa Ágora, sen número, A Coruña

Mapa (preme nos puntos vermellos para máis información)

Como chegar:

O CUR e o IES Rosalía Mera están a 5 minutos a pé, conectados pola Avenida de Gran Canaria. Deixamos a informacións sobre como chegar en transporte público ao I.E.S. Rosalía Mera.

Desde a estación de autobuses

Liña 4 desde Rúa Cabaleiros 21 ata a Praza de Pontevedra, continuar a pé ata Juán Florez 10, e desde alí continuar na liña 3A ata a Rúa Mister Archer Milton Huntington.

Desde a estación de tren

Liña 12A en fronte á Estación, ata a Praza do Conservatorio, continuar a pé pola Rúa Venezuela ata o centro.

Para chegar ao teatro Ágora desde o I.E.S. Rosalía Mera podes coller as liñas 14 ou 12A na Praza do Conservatorio e baixar na parada da Ronda do Outeiro, desde onde estades a 5 minutos a pé do espazo. Alternativamente, os espazos están a 20 minutos de camiño a pé.

Onde comer:

Nas rúas adxacentes ao centro atópanse numerosos bares e restaurantes, máis dado o número de asistentes ao congreso recomendamos chamar con antelación para reservar mesa. No caso de que faga bo tempo, ao final da rúa hai un espazo aberto con vistas ao mar no que poderemos comer xuntes se vos apetece.

Acreditacións:

Tanto o sábado como o domingo contaremos cun mostrador na entrada do centro no cal debes dar o teu nome e recoller a túa acreditación e o teu certificado de asistente ou conferenciante.

Código de conduta:

Coa finalidade de crear un espazo seguro tanto para as persoas relatoras como para o resto do grupo, facémosvos chegar este código de conduta de cumprimento imprescindible para o I Congreso Corpos, Xénero e Sexualidade.

  1. Non se permitirán discursos LGBTIfóbicos, machistas, racistas, clasistas, ou capacitistas, así como calquera outro comentario ofensivo relacionado coa expresión de xénero, a idade ou a aparencia física de ninguén.
  2. Non se permitirá ningún tipo de intimidación, ridiculización, humillación ou acoso no transcurso da actividade.
  3. As persoas relatoras, así como calquera outra persoa participante, terá dereito a non dar resposta a preguntas que considere que non procedan ou que a incomoden. Evitarase a insistencia ao redor deste tipo de cuestións.
  4. As asistentes mostran o seu acordo con este código de conduta ao apuntarse ao Congreso, polo que unicamente avisarase unha vez no caso de que se incumpra. Se se mantivesen este tipo de comportamentos, o comité organizador poderá invitar a esta persoa a abandonar o espazo.
  5. Igualmente, convidamos a que se se percibe calquera comportamento ofensivo destas ou outras características, do que non sexa consciente a organización do evento, se comunique para que poidamos actuar en consecuencia.
  6. Agradecemos que non se presupoña a identidade de xénero de ninguén nin o seu xénero gramatical/pronomes.
  7. Tanto as relatoras como as persoas ouvintes que interveñan, deberán ter en conta que o límite dos tempos será ríxido. Consideramos que o respecto aos tempos constitúe unha práctica feminista e queremos evitar que calquera compañeira saia prexudicada como resultado de dinámicas de poder, moitas veces imperceptibles, e unha mala xestión dos tempos de intervención.

Quen participe nesta actividade debe estar de acordo con este código de conduta.
Esperamos a vosa cooperación para garantir que este sexa un espazo o máis seguro posible para todas as persoas que participen.

Outra información:

Por indicacións sanitarias precisamos que amoses o teu certificado de vacinación no momento de recibir a acreditación. Ao ter lugar o congreso nun centro de ensino estamos obrigadas a deixar un espazo baleiro entre cada dous asentos. Polo mesmo motivo, fumar no recinto está estrictamente prohibido.

Design a site like this with WordPress.com
Iniciar